Anexos da Revista La Tribuna

A revista La Tribuna. Cadernos de Estudos da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, naceu no ano 2003 coa arela de contribuír ao coñecemento e estudo da inxente obra da escritora Emilia Pardo Bazán. Despois de quince anos dedicando enteiramente as súas páxinas a súa figura, esta revista decidiu ampliar o seu compromiso coa intelectual coruñesa iniciando a publicación dos Anexos da revista La Tribuna. Para iso, esta colección está destinada á publicación, en formato electrónico, de monografías e obras colectivas sobre a vida e obra de Pardo Bazán.

A igual que a revista, os seus Anexos son unha publicación en acceso aberto, estando todos á disposición, libre e gratuíta, do público.

Propostas

Para presentar orixinais para a súa publicación, os seus autores poden dirixirse á redacción da revista polo medio do contacto que se recolle ao pé desta páxina.

ISSN: 2695-9003

NÚMERO 1

La hiedra y el muro. El epistolario de Emilia Pardo Bazán a Leopoldo Alas Ureña, Clarín

Jesús Rubio Jiménez (ed.)
Carlos Deaño Gamallo (ed.)
Antonio Deaño Gamallo (ed.)

Resumo

Neste volume, primeiro número dos Anexos da revista La Tribuna, publícanse por primeira vez todas as cartas de Emilia Pardo Bazán a Leopoldo Alas Ureña, Clarín, conservadas no arquivo de Dionisio Gamallo Fierros. Datado entre os anos 1881 e 1890, este epistolario permítenos achegarnos ao mundo privado dos dous escritores, nunhas décadas fundamentais na súa traxectoria intelectual. Son anos nos que ambos os dous estaban a desenvolver un importante papel na introdución do naturalismo francés en España, distinguíndose tanto pola súa produción literaria como pola súa participación no debate teórico que sobre o movemento francés se desatou no país.

Xunto a estas cartas, en apéndice, publícanse dúas cartas de Leopoldo García Ramón a Clarín de 1885, tamén conservadas no arquivo de Gamallo Fierros.

Á coidadosa transcrición dos orixinais, acompaña un estudo dos editores no que, os mesmos, contextualizan e analizan este interesante epistolario.

ISBN: 978-84-17807-02-3