Número actual
O número 18 é unha publicación especial dedicada ao fundador da revista, o profesor e historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández, figura senlleira e salientábel da cultura galega e internacional. Está composto dunha sección monográfica en homenaxe á súa memoria e maxisterio, coordinada por Alex Alonso (CUNY) e Emilio Grandío (USC). Neste apartado introducido por un texto do propio Grandío, na súa calidade de discípulo de Barreiro, atopamos traballos no eido e na órbita do eixo de estudos do historiador: X.R.Veiga. membro do grupo de investigación HISTAGRA, fala da triloxía galaica de mulleres, na figura de Juana de Vega, Concepción Arenal e Emila Pardo Bazán. A directora do Intituto José Cornide, Ana Romero Masiá, presenta un traballo sobre as implicacións de Pardo Bazán coas causas benéficas. Ana María Freire da UNED, describe as reflexións de dona Emilia sobre a "cuestión de la mujer" o feminismo da súa época. Xa no remate deste apartado monográfico, Marisa Sotelo da Universitat de Barcelona, fai un relato da curiosidade vital e intelectual de Emilia Pardo Bazán nas súas dúas visitas a Cataluña.
O segundo apartado está integrado por un bloque de artigos que fan referencia á relación de Pardo Bazán coa Universidade de Santiago de Compostela e a súa curiosidade científica, coma así nos relatan nunha xeira de artigos, José Manuel González Herrán, Manuel Bermejo Patiño, Francisco Díaz Fierros, Andrés Diaz Pazos, Xoana Pintos Barral, María Luz Ríos Rodríguez, Arantxa Fuentes Ríos e Xesús Alonso Montero, todos eles vencellados estreitamente a universidade compostelá e ao mundo das ciencias.
Para completar o número, na sección de Notas, Margarita García Calvo, historiadora da arte, falanos dos tapices da Casa Museo de Emilia Pardo Bazán e na derradeira sección de Documentos, o peche o poñen Jean-François Botrel e Yvan Lissorgues, das universidades francesas de Rennes e Toulouse respectivamente, con dúas cartas inéditas de Leopoldo Alas Clarín a Emilia Pardo Bazán.